Actions

Work Header

De tódolos xeitos en que se pode

Summary:

Despois de case perder a Frodo no Cumio do Vento, Sam prometeuse a si mesmo que lle diría a verdade.
Un retelling d’O Señor dos Aneis seguindo o canon das películas escrito dende a perspectiva de Sam. Ademais, el e Frodo están namorados. Unha tradución ó galego.

Notes:

Nota do tradutor: Esta é a tradución ó galego de In All the Ways There Were, de mollyknox (recomendadísimo se ledes en inglés!!). Empregarei os termos e nomes propios da última edición da tradución galega d'O Señor dos Aneis, publicada por Sushi Books, e irei subindo os capítulos segundo os vaia traducindo. A seguir están as notas do fic orixinal, traducidas.


Tódalas imaxes están feitas por min, e os capítulos probablemente iranse actualizando con máis ilustracións segundo avancemos porque semella que non son quen de parar de debuxalas! Isto ten lugar no canon das películas, aínda que estou tomando algo de lore dos libros. Avisos de contido: contido sexual levemente descrito, referencia leve a homofobia.
Os capítulos do 1 ó 9 cobren os eventos d’A Irmandade do Anel.
Os capítulos do 10 ó 13 cobren os eventos d’As dúas torres.
Os capítulos a partir do 14 cobren os eventos d’O regreso do Rei.
O capítulo 24 é posterior a O regreso do Rei.
Playlist: https://open.spotify.com/playlist/6NHBSKgntXH3njx9Zz4nFO?si=mCBcd5Y8SrG7-8_eljL1pg

Chapter 1: Satisfeito sabendo que podería ser suficiente

Chapter Text

Sam sempre soubera, incluso dende antes de saber que había varios tipos de amor, que sempre amaría a Frodo.

De nenos, seguía a Frodo a todas partes, ata cando o seu Vellote lle mandaba non molestar ós seus mellores. Frodo aprendeulle a ler, e Sam atesourou aquelas tardes que pasaban pechados no estudio en Vila Bulsa, tanto como desfrutou as historias de terras afastadas e grandes aventuras.

Cando se fixeron maiores e Sam tivo que buscar traballo, convenceu ó seu Vellote de que a camiñada ata Vila Bulsa era demasiado empinada para que a fixese un hobbit vello dúas veces ó día. Sam tomou cargo do xardín de Vila Bulsa, e estaba satisfeito (de veras!) con quedar como xardineiro. Satisfeito con dicirlle ola e bo día e boa noite ó señor Frodo. Satisfeito con compartir de cando en vez unha cunca de té á fin dun día longo, con albisca‑la silueta de Frodo inclinado sobre un libro a través da fiestra. Sam estaba satisfeito sabendo que podería ser suficiente.

Nunca se permitiu crer que sería posible ter algo máis, incluso se ás veces se sorprendía fantasiando. Dous mozos xuntos non era totalmente inaudito, pero non un hobbit común como Sam e un xentilhobbit como Frodo. Simplemente non era así. Non, finalmente casaría cunha moza hobbit e Frodo faría o mesmo e se‑lo seu xardineiro sería suficiente.

A misión de Gandalf colleuno por sorpresa, pero nunca houbera dúbida ningunha de que iría con eles. Non comprendía de todo por que Frodo debía levar ós elfos o vello anel de Bilbo, pero gustáballe pasar días enteiros con el, escoita‑lo seu alento monótono no profundo da noite. Gustáballe cociñar para el, era un talento do que Sam estaba timidamente orgulloso.

Ó principio non sabía o reais que eran os perigos. Na Comarca pasaban accidentes, contratempos na labranza, ás veces pelexas na taberna que acababan en narices rotos. Pero había xente que lle quería facer mal a Frodo!  E iso custoulle un tempo entendelo. Os Xinetes Negros, quenquera que fosen, levaban espadas. Querían sangue. Sam non o entendera por completo ata a noite en Prebe. Ó escoita‑los berros pola fiestra, Sam agachárase detrás do señor Frodo e mirara a curva do seu pescozo, preguntándose en que estaría pensando mentres os gritos resgaban o aire da noite.

Agradecido, ata nesa noite horrible, de estar tan preto del.


No Cumio do Vento fora tan, tan lento! Desexou ser rápido e feroz, como Alancadas, e poder para‑la espada do Xinete Negro antes de que alcanzase a Frodo.

Cando se deu conta de que apuñalaran a Frodo, o mundo volveuse frío e adormentado. Non lembraba como se movera e todo se sentía lento coma a melaza, pero ó instante estaba a carón de Frodo. Intentando cubri‑lo orificio, desfacelo, dalgún xeito. Non era moi grande, pero Frodo respiraba axitadamente, coma un peixe fóra da auga e parecía imposible que un burato tan pequeno puidese roubar tanto amor do mundo de Sam.

A Sam sempre se lle dera ben ter unha tarefa e manterse ocupado. E iso foi o que fixo cando fuxiron dos Xinetes Negros. Termou de Frodo, refrescou a súa fronte, buscou herbas con Alancadas e apartou o seu medo para face‑lo que había que facer, sabendo que faría calquera cousa, incluso da‑la súa propia vida, para manter a Frodo con vida.

Non era quen de pensar en moito máis ata que chegou a dama elfa. Sam miraríaa máis intensamente, pero nese momento non podía ver máis cós ollos pálidos e leitosos do señor Frodo.

Amaba a Frodo de tódolos xeitos en que se pode amar alguén. E nunca llo dixera.

Sam pechou a súa man formando un puño, e as súas unllas gordechas trabándolle na palma. O medo batía no seu peito coma un paxaro salvaxe. Xurouse a si mesmo que se… cando! Cando Frodo estivese mellor, cando se reunisen, lle contaría a verdade. Frodo podería incomodarse, podería evita‑la súa mirada, pero tiña que llo contar. Non podía arriscarse a que Frodo morrese e o seu amor quedase dentro del sen dicirse.


Sam esperou a que Gandalf e Elrond lle dixesen o que tiñan que dicir e marchasen, ata que Frodo se reunise con Merri e Pipin, e finalmente con Bilbo. Estaba acostumado a esperar. Permaneceu preto de Frodo, axudándoo cando quedaba sen alento subindo as escaleiras de Valfendido (por que había tantas escaleiras en Valfendido? Non semellaba un lugar axeitado para un convalecente) pero Frodo insistía en ir mirar por aí e dárlle‑las grazas ós seus anfitrións.

Contra a tardiña xa estaba esgotado e loitando por mante‑las pálpebras escurecidas abertas, e Sam axudouno a meterse na cama mentres unha luz dourada iluminaba as paredes.

—Grazas, Sam—, dixo Frodo—. Bilbo contoume que case non deixáche‑lo meu lado.

Sam ruborizouse.

—Non estaba seguro de que os elfos eses soubesen coidar adecuadamente dun hobbit. Tiña que asegurarme de que non lle estivesen dando nada raro.

Frodo riu, e Sam decatouse de que era a primeira vez que oía ese riso dende… Cando? Prebe? Antes? Permitiuse mirar directamente a cara de Frodo, necesitaba tranquilizarse: Frodo estaba vivo, vivo, vivo.

Frodo advertiu a súa ollada e calou. Había unha pregunta nos seus ollos, e Sam baixou a súa cabeza, avergoñado. A súa promesa a si mesmo parecía tan parva nese momento. Sen dúbida podía seguir coma sempre seguira, servindo o señor Frodo e desfrutando dos pequenos momentos.

Pero entón lembrou a sensación de saber que Frodo podía morrer. E sabía que nalgún momento volverían á casa, e canto máis próximo estivese da Comarca, máis imposible lle sería de dicir.

E entón simplemente o soltou, coas mans agarradas dos nervios.

—A dicir verdade, señor Frodo, é que o quero. Señor.

O «señor» soou ridículo, e empezáronselle a ruboriza‑las fazulas. Frodo permaneceu calado bastante tempo e Sam arriscouse a levanta‑la mirada.

Frodo sorriu, inseguro, e Sam sentiu unha puntada ó nota‑las manchas escuras baixo os ollos de Frodo. Vaia parvo, Samsagaz Gamlli, agoniando de máis a hobbits feridos!

Frodo tomoulle as mans con delicadeza.

—Sabes que che quero ben, meu querido Sam.

Sam agachou a súa cabeza e retirou as súas mans, de súpeto consciente de que xa estivera alí demasiado tempo.

—Vostede descanse, señor Frodo—, dixo—. Estou naquel cuarto de alá se necesita algo—. Tropezouse un pouco ó erguerse e marchou rapidamente.

A vergoña revolvíase ardente dentro del, pero esvaeceu un pouco mentres se preparaba para ir durmir. Todo o que dixera era que quería a Frodo, e iso podía interpretarse de moitos xeitos distintos. Sen dúbida Frodo entendera que o quería como servente. Se cadra ata como amigo. Si, un amigo, iso sería suficiente. Xa o fora antes.

O alivio do día (Frodo espertara, Frodo estaba recuperado) anegouno. Case non durmira durante toda a semana a causa da preocupación que o apertaba dende dentro coma un puño, e abriuse de repente. E aínda que non era nin a hora da cea, encolleuse na fresca cama élfica e quedou profundamente durmido.


O día seguinte as cousas parecían normais, e Sam alegrouse de non dicir máis nada. El e Frodo acamparon nunha galería con Merri e Pipin, escoitando o río cantareiro de Valfendido e espiando os elfos facendo as súas cousas. Sam aledouse de que os outros xentilhobbits estivesen aí. Tratábano máis coma a un servente do que o facía Frodo, e axudaba a establece‑la orde natural das cousas. Trotou á cociña de Elrond e de volta á galería, e só foi quen de reuni‑lo valor para falar coa cociñeira elfa porque sabía que tres hobbits famentos esperaban por el.

Era un día agradable. Cando o sol deu en quenta‑la galería, Frodo adormeceuse e Merri e Pipin recostáronse e fumaron nas súas pipas. Sam mirou cara ás árbores, ás follas de outono que caían dando voltas e brillaban cando atravesaban os raios da luz do sol.

—Podo?

A voz de Frodo tomouno por sorpresa. Apoiado sobre un cóbado, Frodo sinalaba ó colo de Sam coa cabeza, ruborizado polo sono, e Sam estirou as pernas e Frodo deitou a cabeza nelas.

Foi algo tan natural que Sam non tivo tempo de poñerse nervioso ata que xa ocorrera. A cabeza de Frodo era pesada e os seus rizos escuros derramáronse polas pernas de Sam. Sam non alcanzaba a ve‑la súa cara, só a luz do sol brillante a través da punta da súa orella e a curva das súas costas baixo a camisa de liño. Sam ficou perfectamente quieto, coma se Frodo fose un cervo que se fose sobresaltar e escapar se fixese algo máis ca respirar, e unha calor fonda encheu o seu corpo enteiro.

Quedaron así moito tempo, e a Sam ocorréuselle unha idea que non puido resistir. Amodo, intentando non espertar a Frodo, estirou a man e acariñou a súa cabeza, coa sensación de estar tocando a vaixela boa de Vila Bulsa que nunca ninguén usara, algo demasiado precioso para o mundo.

Frodo anicouse contra a súa coxa e unha fame dentro de Sam reaccionou ó contacto. Retirou a man inmediatamente, alarmado.

—Segue facendo iso, por favor—, murmurou Frodo. Sam sentiu o seu alento, cálido incluso a través do tecido do seu pantalón, e mordeu o beizo para evitar tremer mentres continuaba a acariña‑lo pelo de Frodo. Intentou capturar cada segundo dese momento para lembralo para sempre.

Por el quedaría todo o día e toda a noite así, mentres Frodo lle deixase, pero Pipin estirouse e exclamou que tiña fame, outra vez, e que cal era a palabra en élfico para o touciño e se os elfos sequera tiñan touciño e que cal era o sentido da inmortalidade se non tiñas touciño. Frodo incorporouse aínda adurmiñado e os seus ollos repararon en Sam por un momento, e Sam púxose de pé coma se os coxíns nos que estaba collesen lume de súpeto.

—Irei ver se teñen, señor Pipin!

Fóra da galería iluminada polo sol, unha escuridade fresca inundaba os salóns de Valfendido e Sam apoiouse nunha parede intentando calma‑las partes do seu corpo que responderan un pouco impacientemente ó peso da cabeza do señor Frodo nas súas pernas. Sorriu para si e corricou á cociña. Si que era un parvo.


Aquela noite Frodo ficou ata tarde no cuarto de Bilbo. Sam agardou tanto como lle pareceu apropiado, e entón deixoulle preparada a roupa de noite e pechouse no cuarto contiguo. Os elfos ofrecéranlle un cuarto máis grande no outro lado do corredor, pero el insistira nun conectado ó de Frodo. Era claramente o cuarto do criado, simple e pequeno pero aínda así máis agradable có seu propio na Comarca. As sabas estaban frescas e recendían a herbas e unha música evocadora entraba pola fiestra aberta.

Era fermoso pero estraño. Estar en sitios estraños traía emocións estrañas, pensamentos que nunca recoñecería na Comarca. Pensou na cabeza de Frodo no seu colo, a calor que deixara, e preguntouse como sería move‑las súas mans só un pouco. Da masa de rizos ó pescozo de Frodo e á súa meixela, que sempre lle parecera tan suave. Como sería desliza‑lo dedo polo colo da camisa. Sam ficou esperto bastante tempo, pelexándose con estas consideracións, antes de enterra‑la súa cara nas almofadas e quedar durmido de pura teimosía.

Non oíu entrar a Frodo. Espertouno unha luz estraña, non a da mañá senón a dunha candea. Alguén estaba no limiar.

—Só son eu—, dixo Frodo, e Sam incorporouse, agradecido de non durmir nu coma algúns hobbits—. Necesita algo, señor?—Preguntou. Frodo estaba delineado pola luz da candea e Sam non podía ve‑la súa cara na escuridade—. Oh, non, non, nada—, dixo Frodo. Comezou a retroceder, e Sam preguntouse se non estaría soñando. Pero Frodo parou na porta e deixou saír un suspiro tenso—. É só que estou farto desa cama. Cambiaron as sabas, pero estar nela faime sentir coma se aínda estivese enfermo.

Sam apoiou as súas pernas no chan.

­—Claro, señor. Vostede durma aquí—. Púxose de pé para cambiar camas, pero Frodo avanzou cara a el.

—Non quero molestarte, Samsagaz. Volve á cama, eu simplemente estarei aquí tamén, se che é o mesmo. Estas camas de elfos son anchas abondo—. Frodo levou a candea ós seus beizos e xusto antes de que a apagara Sam viu a súa cara por vez primeira. Malia soar calmado, nos seus ollos había algo asustado e salvaxe.

—Por min non hai problema, señor Frodo—. Volveu á cama na escuridade e encolleuse nun extremo para que Frodo tivese todo o espazo posible. Isto pareceulle algo ridículo—. Debería avisalo, o meu Vellote sempre di que ronco coma para esperta‑los mortos—. Frodo soltou un risiño, e o son indicou a Sam que estaba mirando cara ó outro lado—. Boa noite, Sam.

E ese foi o sinal para calar, aínda que Sam non podía nin imaxinar quedar durmido. Despois duns poucos minutos oíu o murmurio das sabas cando Frodo se xirou cara a el. A través da fiestra entraba só unha raiola de luz das estrelas, reflectida nos ollos abertos de Frodo. Por sobre do forte ruído do seu propio corazón idiota podía oí‑la súa respiración irregular. Coma se cada inhalación fose unha batalla. Sam ficou quedo.

—Aínda doe—, murmurou Frodo, ben baixiño, como comprobando se Sam seguía esperto—. Irá a menos co tempo, señor Frodo—, dixo Sam. Frodo quedou calado e Sam preocupouse por se dixera algo desapropiado—. Como… como se sente?

—Coma un anaco de xeo—, dixo Frodo ó momento—. Está moi frío, e moi fondo dentro de min. O exterior está a curar pero… non sei se volverei senti‑la calor.

Sam tragou saliva. Frodo moveuse de forma que estivese un chisco máis preto, e Sam estendeu un brazo (que estraño era isto!) e rodeouno con el.

—Veña aquí, entón—, dixo intentando soar áspero e amigable e normal—. Se quere.

Frodo moveuse cara ó abrazo de Sam, máis preto do que Sam esperara. Descansou a súa cabeza no peito de Sam, coa fronte tocando xusto enriba da clavícula. O seu cabelo facíalle cóxegas a Sam no nariz. Estando tan preto Sam podía senti‑la tensión, enroscada dentro del. Algún músculo demasiado tenso que non quería relaxarse. Sam suxeitouno, enchéndose do olor do seu cabelo: un aroma a noz mesturado con algo limpo, menta se cadra. O seu brazo cubría os ombreiros de Frodo. Termou del ata que a tensión dentro de Frodo se aliviou e a súa respiración colleu o ritmo delicado do sono. Termou del ata que a luz do amencer deu cor ó teito. Só entón durmiu Sam.